Ante o notario da vila de Noia, Lopo Rodríguez, un conxunto de testemuñas (vedrayos) que xuran sobre os evanxeos co fin de marcar os límites dunha propiedade reclamada por Afonso Guillelmez e a súa muller, Sabela Rodríguez. No texto destacan varios topónimos das parroquias de Argalo, Tállara e Fruime, pertencentes aos concellos de Noia e Lousame.
Testamento de Iohan Nunnez d`Aponte, deán da catedral de Santiago, outorgado ante o notario de Santiago, Aluar Perez Puquerino. Son varios os beneficiarios do testamento, entre eles, os mosteiros de San Domingos, San Francisco e Belvis, o arcebispo Rodrigo de Moscoso, o Hospital de Santiago, o seu sobriño e cóengo da catedral, Xil Martínez, amais dos cartos deixados para as `pitanzas`.
Modificación testamentaria de Iohan Nunnez d`Aponte, deán da catedral de Santiago, outorgado ante o notario de Santiago, Aluar Perez Puquerino. Inclúe inventario de bens mobles, relación de moedas, e xoias e obxectos suntuarios.
Conxunto de no documentos relacionados co testamento de Iohan Nunnez d`Aponte, deán da catedral de Santiago, outorgado ante o notario de Santiago, Aluar Perez Puquerino. Destacan entre outros, os pagos aos escribáns, aclaración do herdeiro e sobriño, ao respecto do codicilo, sobre as rendas para a fundación dunha capela en Santa Maria a Nova de Noia, ou un documento sobre Fernán Núñez, fillo do propio deán, en prisión por querella, liberado con cargo aso cartos do testamento destinados a obras de misericordia
Confirmación de cobro por parte do prior do mosteiro, frei Álvaro de Santiago, polas misas en favor de Iohan Nunnez d`Aponte, deán da catedral de Santiago. Inclúe tamén tres documentos anteriores, nos que Rodrigo de Moscoso, arcebispo de Santiago, reclama o pago de misas aos testamentarios do deán. O documento remata coa fórmula da excomuñon, ou fórmula cominatoria, empregada de xeito habitual.
Os herdeiros de Fernán Gómez do Preguntorio, donos da propiedade na ribeira de Pedrouzos, do lado de Noia, reciben dos seus aforados Gonzalo Rodríguez e a súa muller, Catalina Eans, 90 marabedís e unha cantidade acordada de sardiñas. Ante as reclamacións de pago feitas sobre esta propiedade pola Confraría de Santa maría A nova, acórdase que os aforados desconten esta cantidade das rendas que lle pagan aos propietarios. Actúan como testemuñas o alcalde de Santiago, Xil Rodríguez Varela, e un cambiador, Xoán Vinagre
Xoán González da Caña, veciño de Santiago e propietario de parte dun muíño véndelle a súa parte a Xoán de España, que xa tiña, xunto a outra propietaria, Mariña Afonso, a outra parte. No texto inclúese o ritual de toma de posesión do muíño
Documento de venta e cesión dos bens de Pero Campillo adxudicados en subasta pública ao mellor licitador, Roi del Oro, notario público de Muros, ante o notario público de Noia, Fernán López de Lamas, tamén notario real.